Friday 26 de April de 2024

“Neda a petiscos” actívase mañá coas primeiras degustacións gratis de doces e empanadas dos fornos locais na hostalería da vila


O Concello programa esta fin de semana catas en seis establecementos

Mañá sábado bota a andar “Neda a petiscos”, o programa promovido polo Concello para pór en valor os produtos das panaderías do municipio, a través de degustacións en establecementos hostaleiros locais. Serán tres fins de semana consecutivos para desfrutar cos mellores doces e coas empanadas máis saborosas. E todo de balde, acompañando ás consumicións.

Nesta segunda edición aumentan tanto as tafonas como os negocios de restauración que participan. Así, serán 12 os fornos nedenses que subministren ao Concello as elaboracións para estas catas. Prográmase unha en cada un dos 18 bares, cafés e restaurantes que decidiron sumarse. Cada fin de semana, seis locais (tres o sábado e outros tantos o domingo) servirán doces á hora do almorzo ou ben empanadas variadas ao mediodía.

Este sábado o Concello convida á veciñanza e aos visitantes a probar a proia da Panadería Santa Rita, co café matinal no bar O Rubio. E á hora do viño, a degustar na Taberna O Carreiro empanadas enfornadas por J. Castro Hermanos e Viuda de A. Romero e na Cantina do Roxal, as de La Gallega e Panadería Tito.
“Neda a petiscos” continuará este domingo con catas á hora do almorzo no café bar Jupe, e en La Cortesa. Nesta xornada, haberá dobre oportunidade para saborear a tradicional bola de ovo ou de patrón da vila. No primeiro local chegará dende o Forno de Liñares e no segundo dende a confeitaría O Carrizo. Na hora do aperitivo, será a quenda na cervexaría O lagar do Camiño, con empanada da panadería Modesto Hermida e máis de J. Castro Hermanos.

Esta singular ruta gastronómica, ideada polo Concello para fomentar o consumo de pan e do resto de elaboracións das populares panaderías de Neda e reivindicar o seu traballo, pretende ademais apoiar ao sector hostaleiro. “Neda a petiscos” terá continuidade os días 4 e 5 e o 11 e 12 de febreiro.